Sunday 05 de May de 2024

Boqueixón acollerá a VIII Ruta do Colesterol o próximo 16 de xuño


As inscricións realizadas antes do 31 de maio terán tarifa reducida e as formalizadas do 1 ao 14 de xuño, terán un custo de 15 euros

O Concello de Boqueixón acollerá novamente a Ruta do Colesterol, que este ano chega á súa oitava edición. Esta proba de fondo terá lugar o próximo 16 de xuño e ofrecerá un percorrido de 50 quilómetros, aínda que se poden realizar as variantes de 10 ou 25 quilómetros.

As inscricións deberán formalizarse deberán formalizarse a través da web www.rutadocolesterol.com. Tras cubrir o formulario deberase realizar o ingreso correspondente. Todas aquelas inscricións realizadas antes do 31 de maio gozarán dunha redución no prezo (10 euros para federados e 13 para non federados). Para aquelas persoas que se inscriban entre o día 1 e o 14 de xuño, o prezo será de 15 euros.

Percorrido

A VIII Ruta do Colesterol discorrerá principalmente por camiños non asfaltados. O itinerario de carácter circular ofrecerá aos participantes a posibilidade de visitar ata seis fervenzas: dúas na parroquia de Donas, a do río Pontillón, Codeso, Vigo e Vilar.

O punto de encontro será a Casa da Cultura de Camporrapado, onde se poderán recoller os dorsais a partires das 08.15 horas. A saída terá lugar ás 09.00 horas. Segundo explican dende a organización, “o primeiro quilómetro será neutralizado para todos os participantes polas rúas de Camporrapado”, polo que “non haberá marcas nin sinais de ningún tipo”.

Distribuiranse un total de seis postos de avituallamento durante todo o percorrido. Neles haberá auga, bebidas isotónicas, froita, bocadillos, empanadas, snacks e demais. Os distintos puntos distribuiranse do seguinte xeito:

• Primeiro avituallamento: Subcira (km 10)
• Segundo avituallamento: Pico Sacro (km 19,5)
• Terceiro avituallamento: Rodiño (km 25)
• Cuarto avituallamento: Vigo (km 33,5)
• Quinto avituallamento: Gastrar (km 38,5)
• Sexto avituallamento: Prevediños (km 44.5)

O percorrido deberá realizarse camiñando nun máximo de 12 horas e nun mínimo de 8. Haberá retencións en todos os puntos de avituallamento, que funcionarán tamén como controis. Os tempos mínimos e máximos estarán dispostos nas tarxetas de control que se lles entregarán a cada un dos participantes nesta proba.

Todas aquelas persoas que consigan completar os 50 quilómetros no tempo establecido, recibirán un diploma acreditativo valedeiro para a Copa Galega de Andainas de 50 kms. Para os que non a consigan completar, entregaráselles un diploma de participación no que se especificarán os quilómetros realizados e o tempo empregado.

Ao finalizar a proba, ofrecerase un servizo de duchas para os participantes. Como en anteriores edicións, celebrarase unha gran merenda-cea cos tradicionais callos e realizarse un sorteo de agasallos.

Dende o Concello de Boqueixón animan á veciñanza e amantes dos deportes ao aire libre a participar nesta xornada. Nela, ademais de seguir uns hábitos de vida saudable poderán coñecer os fermosos paisaxes naturais do municipio boqueixanés.

Pódese consultar toda a información sobre esta proba na web www.rutadocolesterol.com. Tamén se pode contactar coa organización a través do e-mail rutadocolesterol@outlook.es.